Berta Dávila - Carrusel


 
Remato este libro cunha sensación de certa desolación. Pero non o digo como algo malo, senón como o recoñecemento do éxito da intencionalidade da novela, porque penso que foi escrita tentando transmitir precisamente iso, para arrastrarnos xunto a ela cara un nihilismo resignado. O que atopamos aquí, mais que unha historia, é un descargo emocional. Non é unha narración típica, desas de introdución, nó e desenlace; son capítulos que enfían ideas baseadas nas vivencias presentes, pasadas e futuras de quen as conta e sen que o importante sexa chegar a un final. O salientable son as conclusións ás que se vai chegando polo camiño.

Carrusel é xustamente o que predí o título, un carrusel de reflexións. Non sei se todo o narrado é puramente autobiográfico ou é unha historia ficcionada, pero a sensación que da é que ten que ser como mínimo achegada á realidade, porque é quen de transmitir o desamparo con moita convicción coma para ser inventado.  

Os sucesos que se utilizan como xeito de dar paso ás reflexións non son lineais, o que pasou enlázase co que está a pasar e mesmo co que pasará e provoca unha curiosa sensación: A  sensación de estar verdadeiramente nos atropelados pensamentos dunha persoa que busca sentido ó seu mundo interno, indo e vindo polas súas experiencias sen un fío concreto, porque na mente de cada persoa non é necesario seguir  unha orde argumental para non perdernos; coñecemos os nosos camiños. Cada un de nós sabe que relación hai entre sucesos separados das nosas vidas sen necesidade de contextualizalos, mesmo temos asimiladas de xeito espontáneo relacións entre cousas aparentemente inconexas. Carrusel funciona así, coma un proceso de reflexión interna. Non lemos, mais ben somos partícipes dun proceso sináptico.

É un libro sobre o medo á propia cabeza, sobre lidar co que non se ve nin se quere que se vexa, e tamén sobre afrontar o que xa non existe (ou que segue existindo, pero xa non é coma era antes). Un libro con poucas páxinas, pero que contén os medos e os mecanismos de pensamento dunha vida enteira.

Rubén Pedreira

No hay comentarios:

Publicar un comentario