Vicente Risco - O porco de pé
“Porque
os poetas láianse de que a xente non os sabe estimar, e non é certo.
Estímaos moito, o que fai é que non os le. Así é mellor: lense uns aos
outros e así todo queda na casa”
O porco de pé son os vicios da
Galicia dos anos 20 levados ó papel. Vicios tanto das clases
privilexiadas coma das clases populares, pois se ben a motivación
principal da historia é o seguimento da carreira política dun
caricaturesco home que "ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde"
tamén se ironiza sobradamente coas incongruencias das ideoloxías e
actitudes do pobo xeral. Nesta novela non hai ninguén que non actúe
rebaixándose o que sexa preciso para satisfacer os seus intereses, algo
moi distinto ó que ocorre no mundo real onde todos somos exemplos de
integridade e elegancia.
É unha novela moi irónica, e a maior
ironía do asunto é ver que este tipo de obras non caducan co paso do
tempo. Cando lemos obras que ridiculizan o comportamento social humano
mais esencial tanto ten que se escribiran onte ou fai cincocentos anos:
non contarán nada que non siga vixente. Pode que o mundo sexa
diferente, pero os vicios son os mesmos. O que antes era cacique agora é
lobby, o que antes era carta agora é correo electrónico e o que antes
era xente á que lle gustaba chamar a atención agora é influencer. Pero a
esencia das humanidades non cambia case nada.
Unha pelexa entre
os tempos antigos e os tempos novos, entre o filosófico e o terreal,
representada pincipalmente na maneira de pensar de dous personaxes
opostos. Unha novela de estilo clásico pero que traballa un humor
intelixente e mordaz que non envelleceu nada. Ó final, como fixo notar
aquí Vicente Risco, o que fai que a xente decida pasar por aros pouco
apetecibles é o diñeiro e a busca da mellor posición social, como sempre
pasou e como semella que sempre pasará.
0 comentarios :
Publicar un comentario