Carlos
Casares foi unha das persoas que mais beleza conseguiu sacar do uso da
lingua galega na súa forma narrativa. Dende a súa primeira obra, ese
Vento Ferido que tódolos adolescentes galegos tivemos que ler algunha
vez na nosa vida, ata a última, ese O Sol do verán co que pechou a súa
creación literaria, inventou unha narrativa case poética. En obras como
esta ese ‘case’ podería sobrar, porque Xoguetes para un tempo prohibido
ten moito de poesía, mesmo no ritmo.
Esta historia, na que atopei
unha especie de herdeira espiritual de El Camino de Delibes, o autor
conta a historia de Elías, un neno da posguerra que medra nunha aldea
galega e que vai queimando etapas ata chegar a primeira vida adulta,
cando marcha a Santiago para estudar na universidade. Elías medra nun
ambiente rural no que as anécdotas cos veciños, as relacións cos
compañeiros e a relixiosidade do entorno compoñen o marco da súa nenez.
Unha nenez de inmaturidade, de medos, de probas e de incertezas, como
adoitan ser as neneces en xeral.
O punto de inflexión da novela,
despois de presentarnos unha infancia de altos e baixos, chega cando
Elías comeza a súa vida universitaria. A Compostela chegará con
inseguridade pero tamén con ilusión, e deixarase atraer polos ambientes
revolucionarios que atopa entre algúns estudantes que buscan unha
resistencia comunista contra a ditadura. Non obstante, Elías non tarda
moito en ver que esos ambientes teñen moito de elitismo moral e de
postureo pre-Instagram e remata por caer no desencanto.
Unha
novela que explora as ilusións dende o comezo ata o final, dende que se
crean ata que se perden deixando só destrución polo camiño, e que está
escrita dun xeito moi particular. Un estilo narrativo no que o narrador
se dirixe en segunda persoa o lector, metendo ó receptor da novela no
corpo do mesmo Elías, e que non consta de capítulos senón de parágrafos.
O libro vai saltando de suceso en suceso con cada punto e á parte,
formando unha historia dinámica na que se alternan anécdotas con
reflexións. Sendo a que menos me gustou das obras que lin de Casares,
non deixa de ser unha boa historia chea de pensamentos que pegan forte.
VALORACIÓN:
No hay comentarios:
Publicar un comentario