Amalur e Deva, duas irmás que non son irmás, están no centro desta historia. Son galegas, pero viven en Euskadi dende hai moitos anos cos seus maridos destinados alí pola Guardia Civil. Amalur desapareceu misteriosamente nunha excursión polo Anboto hai vinte e oito anos, nun punto do monte no que a lenda conta que vive a Mari, deusa da mitoloxía vasca que muda de fogar cada sete anos no solsticio de verán. Amalur desaparece un 21 de xuño, co que hai argumentos de peso para pensar que a cousa podería estar relacionada con temas paranormais. O seu marido Sabino está convencido de que foi a Mari a que a levou, e pasou todo este tempo obsesionado coa idea.
De xeito sorprendente, Deva tamén desaparece misteriosamente un 21 de xuño vinte e un anos despois. Ela non desaparece no Anboto, pero sí que o fai mentres Sabino sube a el para intentar atopar a Mari, pois volve a ser solsticio de verán dun ano no que á deusa lle toca mudanza.
A trama da novela comeza sete anos despois desta segunda desaparición, cando o corpo momificado de Deva é atopado por Asier (o fillo de Amalur e Sabino) no último lugar onde se podería agardar atopalo. Resulta que Sabino mandáralle volver a Portomarín, a vila galega da que a familia é orixinaria e á que nunca volveran despois de marchar, para ver a antiga casa familiar e intentar vendela. Ó entrar na vivenda o cheiro é insoportable e Asier non tarda en atopar alí a súa tía, desaparecida en Euskadi pero convertida en momia en Galicia despois de sete anos sentada no sofá con dous disparos no corpo.
Como adoita suceder cando alguén aparece cun par de tiros no peito, a policía entra en acción e a investigación é o punto de partida para tecer unha historia na que o pasado ten mais peso que o presente. Acompañando á comisaria Sabela Cruz nas súas investigacións en Portomarín e á inspectora Bibiana Galdós enviada a Euskadi para investigar as conexións de Deva na súa vida previa á desaparición, coñecemos a durísima infancia das irmás e as peculiaridades da súa vida adulta en Euskadi, sempre co estilo dinámico propio do autor, con eses capítulos breves que chaman a ler o seguinte e que rematan por facer que teñas o libro lido nun par de tardes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario