Día de reis

 

Eu teño a imaxe de que o día de Reis nunca chove. Pode que alguén recorde moitos 6 de xaneiro con choiva, pero que chova o 6 de xaneiro non quere dicir que chova o día de Reis. Porque por moito que haxa un cada ano, chega un momento no que os verdadeiros días de Reis xa non son os que quedan por diante, senón os que quedaron moi atrás. É neses días que xa pasaron fai tempo onde está o recordo que mellor gardamos desta festa e na memoria do día de Reis sempre vai frío, porque o frío é algo inseparable do Nadal, pero nunca chove. Porque, aínda que en realidade chovera, a auga é o primeiro que se borra da cabeza xa que é impropia de ser gardada como parte dun día que está feito para saír a rúa a estrear agasallos e non para agocharse debaixo dun paraugas.


O día de Reis é un día de frío, da herba insultantemente verde tan propia do inverno e de bafo no aire. Pero o día de Reis nunca chove.

Rubén Pedreira

No hay comentarios:

Publicar un comentario