Esta historia
comeza cun son no medio da noite, un son coma de noz sendo partida
enriba da mesa. A situación, non obstante, é bastante menos agradable
que a que xeraría un desalmado poñéndose a facer barullo comendo froitos
secos de madrugada. O son provén dunha pistola que Carlos, un amigo de
toda a vida da narradora da novela, empregou para pegarse un tiro na
tempa mentres estaba na bañeira.
Ese traumático suceso, ocorrido
mentres Carlos estaba de visita na súa casa, é o punto de partida para
que Helena comece a dar saída a tódolos recordos que a unían a Carlos e a
omnipresente influencia que aquel suicida nocturno tivo na súa vida
dende que se coñeceran sendo nenos. Intenta buscar unha explicación á
terrible decisión do seu amigo revisando as súas vivencias con el, que
comezan e rematan no mesmo sitio. Porque o primeiro encontro entre eles
deuse na antiga casa de campo da súa familia, a mesma na que ela vive
agora co seu marido e a mesma na que se produciu ese disparo que rematou
para sempre coa vida daquel home que sempre estivo presente na de
Helena.
Dende aquel verán no que a nai da narradora invita a
Carlos, o fillo dun veciño co que existe unha enigmática relación, a
pasar os meses de vacacións con eles, a presenza do rapaz na casa
estival familiar convértese nunha tradición anual. Carlos e Helena fanse
inseparables, ata o punto de conformar unha relación case simbiótica. A
relación non chega ó eido amoroso, a pesar de que mentres a
protagonista conta a historia vanse deixando caer momentos nos que todo
apunta a que algo hai formándose entre eles, pero diversas situacións
sospeitosas fan que non chegue a darse o tema. Mesmo é o propio Carlos o
que presenta a Helena ó seu actual marido.
A nostalxia da
historia contáxiase, os sentimentos que se van sucedendo polas páxinas
crean un ambiente no que é imposible non entrar e os misterios que están
sempre de fondo acompañando a esa familia da clase alta, con criados e
todo, xeran un punto de intriga. A explicación a eses misterios non
resulta difícil de adiviñar, pero danlle á historia un punto interesante
que fai destacar aínda mais a carga emocional. Que ben sabía escoller
as palabras Carlos Casares.
VALORACIÓN:
No hay comentarios:
Publicar un comentario