Este libro
comeza o 26 de xuño de 1986 e remata ó día seguinte. O punto de partida
da narración é unha viaxe, a que fai Bibiano Osorio-Tafall a Galicia
para presidir os actos do 50 aniversario do Estatuto de Autonomía, en
cuxa aprobación tivo un papel de relevancia. Esa viaxe, na que volve por
primeira vez á súa terra despois de varias décadas de exilio, fai de
punto de apoio para lembrar toda unha vida. Ou, mellor dito, dúas vidas.
Aínda
que dixen que o libro comeza un día e remata ó seguinte, isto non é moi
certo. Porque ese é só o tempo que transcorre no presente. O libro
utiliza esa volta para lembrar a historia completa de Bibiano e da súa
muller, Josefina Arruti. Bibiano foi un científico e político cunha vida
que o levou a ter posicións salientables na República, na Guerra Civil e
mesmo, xa exiliado, en organizacións internacionais coma a ONU. Unha
vida case de película que Josefina non puido compartir.
A outra
protagonista da historia, como digo, non tivo tanta sorte. Casada con
Bibiano nos anos previos á República, unha inocente decisión coma a de
volver a Pontevedra a visitar a un fillo enfermo fixo que a guerra que
estalou de súpeto neses días a separase do seu marido, que quedara en
Madrid exercendo o seu papel político. A partir dese intre, o feito de
pertencer ó bando perdedor condicionou toda a súa vida e mesmo a levou ó
cárcere por casar con quen casara.
Bibiano viviu moitos anos
exiliado e refixo a súa vida pensando que Josefina, que quedaría para
sempre en Galicia, non quixera reunirse con el cando tivo a
posibilidade. Josefina, pola súa parte, viviu algo moito peor: O
encerro, a represión e a incapacidade para desenvolver a vida digna da
persoa con inquietudes que foi.
É a historia de dúas vidas que
comezaron de xeito semellante. A de dous mozos que a vida uniu porque
eran iguais, coas mesmas inquedanzas e anhelos, pero que remataron por
ser levados por camiños ben distintos. Bibiano coñeceu mundo coma
diplomático e científico mentres Josefina non puido mais que ver coma os
seus soños de xuventude morrían para sempre por mor de causas alleas.
VALORACIÓN:
No hay comentarios:
Publicar un comentario