A estrela que non debería estar alí

 
A historia de hoxe comeza cunha teórica imposibilidade. Para comprendela, haberá que lembrar que a materia da nosa galaxia, a Vía Láctea, está concentrada nun disco de mais ou menos 100.000 anos luz de amplitude e 1.000 anos luz de grosor [FIGURA 1]. Aí é onde a práctica totalidade das estrelas galácticas nacen, medran e se reproducen. Ó redor, hai un halo no que pode atoparse gas moi pouco denso e algunhas estrelas moi vellas.
 
FIGURA 1: Diagrama esquemático da Vía Láctea
 
Hai bastantes décadas produciuse o descubrimento da estrela HD93521 nesa rexión de halo. A observación desta estrela de tipo O, de alta masa, non tiña sentido porque HD93521 non debería estar alí. É unha estrela moi nova e está a uns 3000 anos luz, como mínimo, de calquera lugar coñecido compatible con formación estelar recente. A incógnita non é que chegara a ese lugar, pois unha estrela pode saírse do disco por eventos violentos coma supernovas ou colisións gravitatorias que poden achegar a enerxía necesaria para mandar moi lonxe a calquera bola de lume xigante que atopen no seu camiño. O problema está en que non tivo tempo para chegar á súa actual situación.
 
HD93521 non pintaba nada aí, porque nunca podería ter chegado dende un lugar de formación compatible coa súa existencia. A súa idade é duns 5 millóns de anos, e o tempo que precisaría para percorrer eses 3000 anos luz que a separan do lugar de formación estelar mais achegado é duns 39 millóns de anos.Suporedes, entón, que o descubrimento foi un feito incómodo. Non hai maneira de nacer en Pontevedra as 15:00 e estar en Pekín ás 15:05, polo menos non mentres Elon Musk non invente algunha trapallada para facelo posible mediante a construción de túneles cuánticos abstractos ou calquera cousa semellante.
 
Tampouco ten sentido pensar que a estrela se puidera formar alí. No halo non se dan as condicións para a formación estelar, é coma agardar un Premio Nobel formándose nun estudio de gravación de Telecinco, sinxelamente non hai nada que poida aproveitar para chegar ó obxectivo porque a materia desa rexión non cumpre as condicións necesarias. É unha historia complicada de explicar, pero nos últimos días publicouse unha teoría que podería cadrar. Segundo investigadores da Georgia State University, esta estrela de 17 masas solares podería ter sido outra cousa antes de converterse nesa estrela masiva e nova.
 
A hipótese é que o que hoxe é HD93521 tería sido, hai tempo, unha parella de estrelas moi achegadas, de idade moito maior e masa menor as actuais, que remataron por fusionarse despois dun longo camiño. Os 5 millóns de anos de vida da estrela actual comezarían a contar nesa fusión. É unha hipótese posible, as estrelas de menor masa poden chegar a vivir moito mais tempo que as masivas e poderían ter viaxado eses 39 millóns de anos dende un evento pasado que as proxectara fóra do disco. Pero o bonito do asunto, por suposto, é que nada é tan sinxelo como parece.
 
Por lóxico que pareza, esta situación tamén sería un cúmulo de casualidades. Para comezar, as dúas estrelas orixinais terían que ter unhas masas suficientemente baixas coma para poder vivir eses 39 millóns de anos, pero á vez terían que ser suficientemente altas coma para crear unha estrela de 17 masas solares, que non é pouca cousa. 
 
Algo que si contribúe a explicar a teoría da fusión é a alta velocidade de rotación da estrela, que é de menos de un día de período e lle confire unha forma ovoide [FIGURA 2]. Se comparamos esta velocidade coa do Sol (tarda 24 días en dar unha rotación) e temos en conta que o seu tamaño é moi superior, podemos facernos unha idea do rápido que xira.
 
FIGURA 2: A alta velocidade de rotación da estrela fai que teña forma ovoide (Fonte)
 
 
Teñen que darse varias casualidades para que todo isto sexa compatible, si, pero o incrible do Universo é que hai unha mostra de corpos tan grande que calquera casualidade compatible coa física (que non ten por que ser a física que coñecemos hoxe) entra dentro do posible. E este tipo de historias son a proba de esa idea. A estrela que non debería estar aí chegaría a ese lugar grazas a unha fusión de estrelas mais vellas? A resposta, coma en moitos outros casos dentro da astrofísica, é un rotundo: "Podería ser, mentres a evidencia non diga o contrario". 

Rubén Pedreira

No hay comentarios:

Publicar un comentario